![]()
CAMBADOS> A adega cedeu vellas cepas de albariño para recrear os escenarios do primeiro filme europeo stop-motion en 3D.
{flowplayer}images/salnes/APOSTOLO.flv{/flowplayer}
Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Isabel Blanco, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Geraldine Chaplin ou Luís Tosar. Son parte do elenco que da vida a O Apóstolo, o primeiro filme europeo realizado coa técnica stop-motion en 3D. Logo de pasar por festivais internacionais coma o de Cannes ou a Berlinale, este xoves o equipo da película achegábase a Martín Códax para presentar o seu traballo. E é que a adega cambadesa tamén colaborou neste proxecto cinematográfico, cedendo as cepas de albariño que se empregaron para recrear os bosques de carballos e o decorado dunha típica taberna galega.
O Apóstolo é unha historia de terror e fantasía que relata as misteriosas desaparicións de peregrinos nunha illada aldea galega. Tanto a imaxe coma os xestos dos personaxes reproducen as dos actores reais. De feito, o seu director escribiu o guión pensando neles. Só na creación das figuras investíronse once meses dos case dous anos e medio de traballo que supuxo a cinta. O ritmo de gravación: 3 segundos por día, en xornadas de dez horas.
A premier do Apóstolo terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de xullo. En outono chegará xa ós cines. Para ir abrindo boca, Martín Códax montou unha exposición na que se poden observar parte dos decorados e fotos sobre o proceso de producción. Entre os visitantes da adega sortearanse dúas entradas para a preestrea en Santiago. Ademais, entre os meses de agosto e setembro, a firma vinícola comezará a comercializar o seu albariño máis tradicional cunha etiqueta especial que incluirá a imaxe da película, por ser o viño oficial.
Redacción Salnés







