VILANOVA> Xa está en marcha a sexta edición do obradoiro de viticultura que impulsa a Mancomunidade do Salnés. Oito mozos e mozas reciben formación nun sector cunha alta demanda na comarca. A actividade estase desenvolvendo en Pazo Baión. Precisamente, nese mesmo enclave tivo lugar tamén hoxe un showcooking do Obradoiro de Hostalería do Salnés, fusionando dúas das actividades máis exitosas que impulsa o organismo comarcal.
Oito alumnos forman parte da sexta edición do obradoiro de elaboración de viños que impulsa a Mancomunidade do Salnés. Unha área fundamental na comarca, cunha alta demanda de profesionais cualificados.
O curso ten unha duración de 50 horas, cunha parte teórica e outra práctica. Estase levando a cabo nas instalacións de Pazo Baión, da adega Condes de Albarei.
A acción formativa está liderada por dous expertos no cultivo e tratamento de uva, ao tempo que entran en contacto co funcionamento cotiá dunha adega.
O alumnado di estar moi satisfeito coas aprendizaxes que lles permiten abrirse a novos horizontes laborais.
Ao tempo no que se presentaba esta nova edición do curso de viticultura, Pazo Baión acollía tamén hoxe outra das grandes iniciativas da Mancomunidade do Salnés. O alumnado do Obradoiro de Hostalería organizou alí un showcooking, co albariño como complemento estrela.
Por outra banda, ao longo deste mes de xuño vanse organizar dende a Mancomunidade outras dúas accións formativas: o curso de dixitalización documental e fotogrametría e outro de prevención de riscos laborais.











