![]()
POBRA> Os nacionalistas consideran que o equipo de goberno segue a ignorar a situación de crise actual, realizando políticas de postal e escaparate.
{flowplayer}barbanza/bng pobra.flv{/flowplayer}
A voceira municipal do BNG na Pobra do Caramiñal, Rosana Pérez, cargou contra o executivo local, acusándoo de estar a desenvolver unha política económica de cara á galería, pensando máis en clave electoral, sen ter en conta realmente as principais necesidades da cidadanía, nun contexto de crise xeral como é o actual. Exemplos claros segundo ela para explicar esta situación poden ser as obras de remodelación que se están a deenvolver nos xardíns de Valle-Inclán por importe de máis de 130 mil euros, os máis de 1’3 millóns de euros previstos para o paseo fluvial do río Morto ou os máis de 140 mil euros que se destinarán á remodelación de varias prazas do concello, entre elas a de Galicia ou a de Maura.
Importante débeda
Para os nacionalistas pobreses o máis sangrante é que o concello pobrés arrastra unha débeda de preto de tres millóns de euros con acreedores e mesmo tivo que solicitar unha operación de creto de 240 mil euros para poder afrontar a parte proporcional que lle corresponde nestas actuacións.
A portavoz nacionalista si bota en falla actuacións como o saneamento e abastecemento de auga en varias aldeas da parroquia de San Isidro como é o caso de Ouxo, Casás ou Vilas; a construción de beirarrúas na Ribeiriña e no Conchido, unha vella reivindicación dos veciños destas zonas ou mesmo a remodelación da Praza da Treixadura e a cuberta da pista polideportiva de Santa Cruz.
Redacción Barbanza








