O PSOE insta á Xunta a cubrir 4 prazas sen médico no centro de saúde de Rianxo

RIANXO> O PSdeG insta á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias en Sanidade e garantir un correcto funcionamento da atención primaria. Esixen medidas que garantan unha boa saída laboral en Galicia ós médicos formados na comunidade para cubrir as numerosas vacantes que rexistran os centros de saúde.

Máis recursos. É o que demanda o Partido Socialista á Xunta para acabar coa difícil situación que atravesa a sanidade galega, especialmente a atención primaria.

Esta mañá o secretario provincial Bernardo Fernández e a adxunta á organización Ana Pena desprazáronse ata Rianxo para denunciar a grave situación que atravesa o centro de saúde da localidade, con tan só catro médicos das oito prazas que debería ter cubertas.

Ademais de incrementar a dotación de persoal, os socialistas piden que se cubra a quenda de tarde e o Punto de Atención Continuada para evitar a saturación das Urxencias do Clínico, que é onde están a ser derivados os pacientes que non poden ser atendidos en Rianxo.

Na actualidade, a lista de agarda en primaria supera os 15 días, tempo que moitos pacientes non poden agardar para ser atendidos das súas doenzas.