![]()
SALNÉS> Unha ducia de detidos é o resultado, polo de agora, dun operativo desenvolvido en contra do uso da dinamita na pesca da sardiña.
{flowplayer}images/salnes/23062010_dinamita.flv{/flowplayer}
Esta acción policial e xudicial, instruída polo xulgado de instrucción número 2 de Cambados, daba como froito as primeiras detencións a últimas horas da tarde de onte e durante esta amencida nos portos de Vigo e Portonovo. En total son 9 os detidos no peirao Vigués, dos que tres xa foron postos en liberdade, segundo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Os outros 3 implicados foron apreixados en Portonovo, todos eles vinculados ó cerqueiro Playa de Portonovo. Os rexistros tiveron lugar en 6 embarcacións, entre elas o Nuevo Herminia 2, o Andreu 3 e o Nuevo Diego David, este último propiedade do Patrón Maior de Vigo, José Antonio Tizón, que tamén figura entre os presuntos culpables. Tamén se practicaron rexistros en aparellos de pesca e mesmo en domicilios, como aconteceu en Portonovo. A Garda Civil amosaba esta tarde o global das incautacións de explosivos. A maiores, tamén se fixeron cun tubo hermético que servía para esconder debaixo do mar a carga explosiva.
Os agora detidos enfróntanse a varios cargos que vai máis aló da práctica da pesca ilegal. Esta operación nacía fai meses como froito da preocupación de varios armadores e pescadores das rías Galegas que se estaban a ver prexudicados polo uso destas prácticas tan agresivas que, lonxe de estar erradicas na nosa comunidade, deron en recrudecerse nos últimos tempos.
O Patrón Maior Portonovés e, ó tempo, presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, Joselito Gómez, enterábase pola prensa do devir da operación. O resto dos detidos pasarán a disposición xudicial mañá á tarde e ó longo do venres. A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións.
Desde a Federación Galega de Confrarías, que preside Benito González Sineiro, veñen de condenar esta práctica ilegal; que responde a actitude illada dunha minoría de embarcacións do cerco. Ó mesmo tempo, piden prudencia respecto ás últimas informacións publicadas. Sinalan tamén desde esta Federación se estaba a traballar nos últimos días nunha declaración conxunta dos cerqueiros, nas que a meirande parte das 186 embarcacións galegas se comprometen a empregar prácticas de pesca sustentables.
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, facía hoxe unha dobre lectura desta actuación. Por un lado, gabou a acción dos corpos de seguridade do Estado destinadas a erradicar os distintos tipos de pesca ilegal. O punto negativo, reside na idea negativa que se está dando de todo o colectivo dos cerqueiros galegos, cando son só uns poucos os que recorren a este tipo de prácticas ilegais, tan nocivas. Redacción Salnés.










