O GROVE> A Consellería de Rosa Quintana, a través do IGAFA, soltou esta mañá a 2.500 alevíns de rodaballo, dos 5.000 que se contemplan no Plan de Repoboación de especies mariñas. O obxectivo é a recuperación das zonas máis castigadas.
{flowplayer}images/salnes/RODABALLOS_CONSELLERIA_MAR.flv{/flowplayer}
Os exemplares liberados hoxe, tiñan un peso medio de 50 gramos, e están marcados con dúas etiquetas que indican que son especies de repoboación. Unha das marcas é de plástico e leva consigo o número do peixe e o teléfono do Instituto Galego de Formación en Acuicultura. A outra, consiste nunha tatuaxe azul, situada na cara ventral do animal que se vai diluíndo co tempo.
A Consellería do mar recoñece que a importancia da aportación de información sobre as recapturas, é clave para a avaliación das actividades de repoboación de rodaballo. Isto é, tanto dende o punto de vista da supervivencia dos exemplares liberados como do seu crecemento e desprazamento. Para iso, localízanse zonas que cumpran as características biolóxicas da especie.
Na actualidade, un total de 40 embarcacións pertencentes a 10 confrarías diferentes, alertaron de ter capturado algunha especie de repoboación. Cabe destacar a recuperación de rodaballos de máis de 3 kilos de peso.
Dende a posta en marcha do Plan de Repoboación de Especies Mariñas en 2005, liberáronse no medio mariño, un total de 42.000 alevíns de rodaballo, e preto de 18.000 xuvenís de lumbrigante.
Redacción Salnés