A fase previa do AF7 arranca este xoves en Ribadumia con 65 equipos e 40 horas de partidos

RIBADUMIA> O mellor torneo internacional alevín do mundo fai de novo parada esta Semana Santa en Ribadumia. A fase previa do Arousa Fútbol 7 arranca este Xoves Santo no campo da Senra coa participación de 65 equipos dispostos a loitar por un pase para o torneo do mes de maio. Por diante temos catro intensos días de futbol, con máis de 10 horas diarias de competición e a participación de máis de 1.000 xogadores. Todos cunha boas expectativas en canto ao meteorolóxico, que converterán o municipio en parada obrigada.

O Arousa Fútbol 7 atopou en Ribadumia o seu fogar. Este luns presentaron a 29º edición deste torneo internacional alevín. A fase previa arranca este Xoves Santo no campo da Senra.

Nesta fase van participar 65 equipos que pelexarán por un pase para o torneo do mes de maio.

A afluencia de público agárdase multitudinaria, tendo en conta o volume de equipos que se mobiliza e as boas previsións meteorolóxicas. Algo que máis alá da parte deportiva, ten tamén o seu impacto na economía do municipio e da comarca.

Ademais do concello de Ribadumia, o AF7 conta co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. No acto tamén estivo presente a Federación Galega de Fútbol, que puxo en valor a organización de eventos como este fóra do calendario deportivo.

O primeiro dos encontros terá lugar este xoves ás 10 da mañá, dando paso a un carrusel de partidos ata o vindeiro domingo.