‘O certificado médico para obter os pérmex é obrigatorio desde 1995’

    mariscadoras copia.jpgSALNÉS> A conselleira do Mar amósase sorprendida pola protesta de Agamar en contra de que os mariscadores teñan que superar este requisito.

    {flowplayer}images/salnes/CONSELLEIRA_MAR_VILAXOAN.flv{/flowplayer}

    Segundo a titular de Mar Rosa Quintana, este requisito remóntase ó ano 1993, cando se elaborou un decreto no que se regulaban os permisos de explotación. Dous anos despois, as tres centrais sindicais e representantes do sector terían estado presentes na redacción dunha orden en base ó documento do 93. Nela establécese que cada cinco anos as mariscadoras teñen que presentar dúas fotografías carnet e un certificado médico que mostre que son aptas para o traballo. Quintana asegurou que ata a consellería aínda non chegou ningunha reclamación. Polo de momento, non tomarán ningunha medida.

    A conselleira tamén abordou a cuestión da regularización da flota, outra das protestas presentadas pola Asociación Galega de Mariscadoras. Rosa Quintana recoñeceu que se trata dun proceso longo iniciado no 2002, pero que no 2007 pasou a depender directamente do Ministerio. A titular de Mar asegurou que dende o goberno autonómico iniciaranse xestións con Madrid para atopar unha solución, que podería pasar por recoñecer as dimensións das embarcacións para efectos exclusivamente pesqueiros. Quintana amosouse positiva ante o futuro, confiando nun acordo entre a administracións estatal e autonómica para solucionar os problemas co proceso de regularización.

    A conselleira do Mar realizou estas declaracións durante a visita realizada ás confrarías de Vilaxoán e Carril. En ámbalas dúas localidades, Rosa Quintana mantivo unha xuntanza de traballo de carácter rutinario, nas que se acordaron algúns obxectivos para o futuro do sector. Recuperar zonas improdutivas, mellorar a comercialización de mariscos e peixes na ría de Arousa concentrando a oferta e atraer man de obra moza, pasan a ser as prioridades. A titular de Mar comprometeuse a obter unha solución para a reordenación e recuperación dos parques de Carril, un proceso que se remonta ó ano 1991. Tamén anunciou que a confraría de Vilaxoán recibirá 600 mil unidades de cría de ameixa, procedentes dun criadeiro de Camariñas, e que poderán sementarse dentro dun mes.  

    Redacción Salnés