CAMBADOS> Longa vida ao Desmarket. O concello de Cambados e as tendas participantes non ocultan a satisfacción co éxito da estrea desta iniciativa, tanto que xa pensan en repetir para o vindeiro ano. Segundo os cálculos municipais, polo Salón Peña pasaron máis de 5.000 persoas.
Aínda en plena resaca do Desmarket, Cambados xa fai balance da estrea desta aposta. Dende o concello calculan que máis de 5.000 persoas pasaron polo Salón José Peña na fin de semana. Un motivo máis que suficiente para que xa se pense na edición do ano que vén.
Grazas a esta iniciativa, Cambados converteuse na capital do comercio da comarca. Novas tendencias, obradoiros de estilismo, concertos en directo e catas de albariño, vermú e cervexas deron forma a unha aposta dirixida a dar visibilidade ao pequeno comercio.
Tanto é así que Nordelaina, a empresa organizadora da iniciativa xa recibiu chamadas de concellos da contorna para exportar a idea do Desmarket cambadés.
Charlín explicou que o concello puido organizar o Desmarket e a Feira de Oportunidades de Verán co mesmo orzamento que antes se destinaba unicamente ao evento de stockaxe. Todo grazas á retirada da carpa que acollía os stands dos diferentes comercios.