Milleiros de persoas se mollan nunha Festa da Agua calorosa

    festa_auga_copia100.jpgVILAGARCÍA> Tras acompañar a San Roque á súa capela, comezou o lanzamento de auga a xente con ganas de mollarse e de festa.

    {flowplayer}images/salnes/FESTA_AUGA.flv{/flowplayer}

    Despois de doce meses de espera, os vilagarciáns e os que se achegan á vila coa escusa de remollarse, aproveitaron ben a xornada de hoxe. Nin ser luns laborable puido cos fieis á festa, que non defraudaron. O sol e a calor animaron o baño colectivo, e os bañadores, bikinis, calzado cómodo e camisetas dedicadas á celebración deste ano, foron os uniformes máis vistos.

    Con cubos cheos e moita, moita auga, así é como recibe Vilagarcía a súa festa grande. Un ano máis, a procesión de San Roque e o pregoeiro dan paso á festa da auga, sen dúbida o día máis esperado.

     Dende as fiestras e os balcóns asomaron pistolas de auga, bañeiras e incluso mangueiras. Calquera instrumento foi ben recibido para bañar á multitude, que non paraba de pedilo dende as rúas. A pesares de que para moitos a festa xa comezou pola noite, milleiros de incansables ocuparon a xa coñecida como zona húmida. E é que esta nova edicións, volveu confirmarse como todo un éxito.

    Para asegurarse de que ninguén saía seco da festa, a organización instalou este ano cinco plataformas de dous metros de alto en diferentes puntos do centro da cidade. Dende elas, o persoal de emerxencias regou á multitude.

    Aínda que algúns seguiron coas celebracións ata a tarde, o programa de festas continúa esta noite, pero desta volta sen auga. O famoso cantante Sergio Dalma será o encargado de inaugurar o cartel de concertos de San Roque 2010, a partir das 11 na Xunqueira.

    Redacción Salnés