O Interrías comeza unha nova etapa con moitas caras novas

SALNÉS> Neste primeiro de setembro son varios os equipos que volven ó traballo. Entre eles o Viajes Interrías, que afronta a súa segunda temporada en Primeira Nacional A co mesmo obxectivo que o ano pasado: manter a categoría.

O Viajes Interrías comeza unha nova etapa con moitas caras novas con respecto á temporada pasada, comezando polo banquiño. Ramiro López volverá a dirixir ó conxunto portonovés logo do seu paso pola liga italiana, onde adestrou ó Marca Trevigiana na División de Honra. Polo tanto Salgueiro deixará o seu posto e volverá a formar parte do plantel, ademais de axudar na parcela técnica.

Confirmadas as importantes baixas de tres pezas clave no esquema do ano pasado, como foron Alan, Bruno e Javi Alvéndiz, a directiva traballou arreo para suplilas do mellor xeito posible. Hai varios xogadores que xa confirmaron o seu compromiso para esta campaña co Viajes Interrías, entre eles Pedro que volve ó equipo. Tamén voltará Lito, un vello coñecido da afección. A fichaxe estrela vai cara a portería coa chegada de Chenlli, que suplirá a Bruno. Estes tres nomes sumaranse ós de Manolito, Pibe, Salgueiro, Rubén e Manolete, que continúan un ano máis.

A liga non dará comezo ata o 18 de setembro, día no que debutarán ante o Noia en Baltar. Ata entón o conxunto disputará varios partidos amistosos que aínda non teñen data pechada. Todo para prepararse de cara ó gran obxectivo do ano que non é outro que a permanencia. Este será o segundo ano da segunda etapa dos portoveses na Primeira Nacional A e buscarán pasar os menores apuros posibles.

Redacción Salnés