Coa vista posta na primeira victoria como local

SALNÉS> Hoxe volve o futbol coa disputa da quinta xornada ligueira na Terceira División. Dende as 20:30 xogan tanto Vilalonga como Portonovo. Os de Baltar reciben ó Cultural Areas.

Chegoulle o momento da reacción ó Portonovo. Despois desas tres primeiras xornadas ligueiras nas que tan só sumara un empate, a victoria fronte ó Narón a domicilio encheu de optimismo ó vestiario. Agora toca refrendar esa melloría na casa. E é que onde peor lle foron as cousas ós branquiazuis foi diante da súa afección. Os dous partidos que xogaron en Baltar perdéronos amplamente, ben é certo que ante un candidato ó ascenso como o Ourense, e no derbi fronte ó Vilalonga. 

Levarse os tres puntos hoxe suporía rematar con esas fantasmas e de paso abrir xa un pequeno oco coa parte baixa da táboa, algo importante de cara a afrontar con moral os vindeiros partidos do calendario, ante rivais supostamente directos como Rápido de Bouzas, Vilalbés, Mesón do Bento, Somozas ou Santa Comba.

O Cultural Areas entra tamén nese grupo de equipos que ten como gran obxectivo a permanencia. Logo da exitosa temporada do ano pasado, a do seu debut na Terceira, queren asentarse na categoría. A súa identidade é a dun equipo forte, peleón e correoso que loita dende o primeiro minuto ata o final. De momento, contabilizan unha victoria e dous empates en catro partidos aínda que os seus mellores resultados chegaron tamén nos encontros como visitante, polo que de seguro que será un rival perigoso.

No tocante ó apartado de baixas, o técnico Ricardo poderá contar con tódolos seus xogadores agás o dianteiro Nel, que será dúbida ata última hora por unhas molestias que arrastra dende o encontro de Ríoseco.

Redacción Salnés