Vilalonga e Portonovo agudizan as súas crises

SALNÉS> Tanto Vilalonga como Portonovo perderon os seus respectivos encontros e caen á parte baixa da clasificación xeral.

Peor non lle puideron ir as cousas ós representantes do Salnés na Terceira División. O Vilalonga perdeu o seu terceiro partido consecutivo e o Portonovo caeu tamén por terceira vez na casa.

En Baltar, agardábase a mellora dos de Ricardo despois da victoria acadada o sábado en Narón, pero o equipo volveu a evidenciar problemas en cada unha das súas liñas. A primeira metade foi un auténtico martirio para os preto de 300 espectadores que se deron cita no municipal, xa que non houbo practicamente achegamentos ás áreas. Sería na segunda metade cando o Cultural Areas desequilibraría o encontro ó seu favor con dous goles nos primeiros cinco minutos. O Portonovo non deu síntomas de reacción e máis aínda cando quedouse con dez pola expulsión do meta Javi Díaz. Couso, a oito para o remate poría a puntilla co 0-3. Dous minutos despois Nel acadaba o gol da honra para poñer o 1-3 final.

Mentres nas Eiroas o Vilalonga foi superado polo Bergantiños pola mínima (1-0). Josiño, no arranque do segundo tempo, fixo o tanto decisivo. O encontro mantívose durante os 90 minutos nunha tónica de igualdade onde as ocasións de gol escasearon. Iso sí, o cadro celeste puido empatar o encontro a pouco do remate se o colexiado tivera dado validez a un tanto de Avendaño, anulado por suposto fóra de xogo.

Portonovo e Vilalonga suman a día de hoxe catro puntos e sitúanse xa na parte baixa da táboa. As lamentacións de pouco serven para uns e para outros, porque a fin de semana xa está preto. Os de Ricardo desprázanse a Vigo para enfrontarse ó pechacancelas Rápido de Bouzas, mentres que o Vilalonga recibirá en San Pedro ó sempre complicado Alondras.

Redacción Salnés