En seis meses podería comezar a construción do Alcampo

    FOTOS_CENTRO_COMERCIAL2 copia.jpgVILANOVA> A corporación municipal debate o luns a aprobación provisional da norma que pemitirá reclasificar o chan no que se realizará a obra.

    {flowplayer}images/salnes/CENTRO_COMERCIAL_VILANOVA.flv{/flowplayer}

    O vindeiro luns será un día clave para o concello de Vilanova e o proxecto do centro comercial de San Miguel de Deiro. O pleno da corporación enfrontarase ó debate da aprobación provisional da modificación puntual número 14 das normas subsidiarias, ou o que é o mesmo, terá que valorar se acepta a reclasificación dos terreos nos que se pretende levantar a macroárea, e que pasen de chan rústico a chan urbanizable delimitado. O executivo local agarda contar co apoio de tódolos grupos municipais, de xeito que o último trámite sería a aprobación definitiva no Consello da Xunta. O goberno autonómico disporá dun prazo de seis meses, e en canto reciban o visto bo, as obras comezarán. Para o executivo local, este centro será o salvavidas económico para moitas familias do concello e a comarca do Salnés.

    As 248 alegacións que se presentaron ó proxecto xa están tramitadas e contestadas. Ademais, o documento conta cos informes favorables da Dirección Xeral de Comercio, Augas de Galicia, Medio Rural, a Dirección Xeral de Infraestruturas e Patrimonio. Un dos puntos que suscitou a maior polémica tanto entre concellos veciños como entre as asociacións de comerciantes da comarca, foi precisamente a recalificación dos terreos. O Consorcio do Comercio tratou de demostrar que se trataba dunha zona de especial protección. Desde o concello desmínteno.

    A construción do centro comercial suporá un investimento de 47 millóns de euros e intentarase que abra as súas portas no 2012. O principal establecemento será Alcampo, e contará con tendas de material deportivo, electrodomésticos, bricolaxe e ó redor de vinte locais baleiros que serán ocupados preferentemente por comerciantes do concello.

    Redacción Salnés