Bota a andar o proxecto da Vía Verde do Salnés

O SALNES> A Vía Verde do Salnés está hoxe un pouco máis preto de seren unha realidade. Esta mañá asinouse o convenio de colaboración entre Deputación de Pontevedra e concellos de Caldas, Portas e Vilagarcía para a transformación das antigas vías do tren nunha senda para peóns e ciclistas. O proxecto preséntase como un novo atractivo para o turismo da zona.

Estas antigas vías do tren, agora en desuso, terán pronto unha segunda vida. É parte da vella liña entre Redondela e Santiago e vaise transformar na primeira Vía Verde de Galicia. O proxecto deu hoxe un importante paso cara adiante, coa sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e os representantes dos concellos polos que vai discorre-lo itinerario, Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía.

Segundo o documento asinado hoxe, vaise acometer unha primeira fase de acondicionamento das vías para poder dar resposta, canto antes, a unha crecente demanda deste tipo de servizos. As vías verdes son para o turismo unha ferramenta de atracción porque, ademais, permiten a práctica de diferentes experiencias deportivas e culturais, sempre en contacto coa natureza.

Esta primeira parte do proxecto ten un investimento de máis de 326.000 euros, dos que o ente provincial achega 200.000 e o resto os tres concellos implicados. A isto habería que sumarlle tamén unha partida da Xunta, polo que a creación da vía verde ascendería a máis de 565.000 euros.

A do Salnés será a primeira Vía Verde que discorra integramente por territorio galego, xa que na actualidade só existe a do Eo, compartida entre Galicia e Asturias.