O plan de integración urbana do río Tins transformará a Serra de Outes

OUTES> O concello de Outes presentou tres proxectos para mellorar a integración urbana do río Tins ó seu paso pola Serra. Estas propostas enmárcanse no programa Renatur que desenvolve a Universidade da Coruña ó abeiro dunha subvención da Fundación Biodiversidade.

As tres propostas nas que o goberno de Outes leva traballando dende o inicio da lexislatura buscan favorecer a integración urbana do cauce do Tíns ó seu paso pola Serra. O primeiro deles, que xa conta co financiamento do Plan de Sustentabilidade Turísitca da Ría de Muros Noia, contempla a humanización da praza do concello e a mellora da conexión co paseo fluvial.

O concello traballa nun segundo proxecto, presentado ó Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, que suporía un investimento duns 80 mil euros. Contempla unha bancada para conectar o paseo fluvial e a casa da cultura co centro urbano.

Por último plantéxase a construción dunha nova pasarela sobre o río Tins, mellorando a conexión da Serra de Arriba e de Abaixo a través da praza do concello. este proxecto que xa foi presentado á convocatoria do GDR Deloa así como a de mellora de infraestruturas turísticas da Xunta. A maiores, o Plan de Reordenación de Espazos e Integración ambiental do Tins contempla tamén unha actuación para a recuperación dunha zona degradada que se utilizaba antigamente como praia fluvial.

Todos estes proxectos duporán unha fonda transformación non só na contorna do río senón tamén en todo o entramado urbano favorecendo a calidade de vida e incrementando os recursos turísticos de Outes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí