O Sanxenxo afronta unha nova final ante o Vilalbés

SALNÉS> O Vilalonga tentará achegarse á permanencia gañando en Negreira mentres que o Sanxenxo buscará seguir amarrado á esperanza superando ó Vilalbés.

Vanse esgotando as posibilidades do Sanxenxo. A falta de oito xornadas para o remate da liga, os 23 puntos que levan sumados os amarelos antóllanse insuficientes para salvarse a non ser que culminen a temporada de xeito espectacular. Houbo melloría e o equipo xa rachou co gafe de Baltar de Arriba, por iso son optimistas. Enfróntanse a un Vilalbés que non é nin moito menos o equipo que asombrou na primeira volta. Nas 11 primeiras xornadas sumou 27 puntos. Nos mesmos partidos, na segunda volta tan só fixo 12, o que provoca que estén fora dos postos de playoff. Con todo, os lucenses mantéñense a cinco puntos do cuarto posto e quererán esgotar as súas posibilidades de cara á fase de ascenso.

A mellor nova no cadro local é a volta dos seus dous dianteiros, Miguel Abal e Diego Blanco, que tras perderse o partido da Malata por sanción, apuntan ambos ó once inicial. Álex é baixa nos visitantes.

O Vilalonga está a dúas victorias de quedarse de xeito matemático na Terceira. Sumando 47 puntos e pese ós arrastres, sería moi complicado que os de Gabi Leis perdesen a categoria. A boa nova é que esta xornada xogan fóra de casa. E é que últimamente os resultados que están a colleitar lonxe de San Pedro son moito mellores que os que suman na casa. Nas ultimas cinco saídas, sumaron catro triunfos. Ben é certo que se enfrontan a un dos mellores equipos como local, un Negreira que leva 12 xornadas invicto no García Calvo. Iso sí, como fora apenas suman están metidos en problemas. Agora mesmo están fora dos postos de descenso directo, pero con 33 puntos, son séptimos pola cola e non se poden despistar.

Por iso o partido é moito máis importante para os nicrarienses que para os celestes, que iso sí, tentarán xogar coa ansiedade do seu rival para traerse os puntos.

Redacción Salnés