Viajes Interrías e Grupo Junquera acadan sendos empates

SALNÉS> Na terceira xornada ligueira o Viajes Interrías non pasou do empate na casa fronte o Avilés. Os de Ramiro López igualaron a tres tantos, mesmo resultado que se deu na Primeira Nacional B entre o Mosteiro Bembrive e o Grupo Junquera.

Resísteselle a victoria ó Viajes Interrías neste inicio ligueiro. Tres partidos e dous puntos sumados que de momento os colocan na parte baixa da xeral.

Ante o Avilés, os portonoveses volveron a saír con moita forza, decididos a dominar dende o primeiro minuto no xogo e no marcador. Acadárono en parte, porque aínda que foron mellores, non materializaron as súas ocasións. Sí que o fixo mediada a primeira parte o cadro visitante, con dous tantos que colocaron o 0-2 co que se chegou á pausa.

A saída de vestiarios do Interrías foi inmellorable. Pecharon ó rival no seu campo e foron quen de igualar o partido en apenas nove minutos con dous goles de Manolete e Lito. Pese a que os visitantes cazaron unha contra e colocaron o 2-3, a catro para o final Lito reestableceu a igualada. Os portonoveses puideron levarse a victoria nos derradeiros minutos pero a actuación estelar do porteiro do Avilés, impediuno.

A semana que ven tócalle descansar a un Viajes Interrías que non xogará ata o día 16, cando recibirá en Baltar ó Coruxo.

Unha división por debaixo o Grupo Junquera sacou un empate da súa visita ó Mosteiro Bembrive (3-3). Os vilagarciáns fan lectura positiva deste punto acadado ante un rival de entidade, que posúe varios xogadores que militaron na División de Honra Nacional.

Os vigueses puxéronse 2-0 no marcador pero dous goles de Gelabert e outro do Juancar déronlle-la volta ó electrónico. Finalmente os locais colocarían a igualada.

Gran partido dos vilagarciáns, que xogaron os 40 minutos a un ritmo moi alto e que estiveron a piques de levarse un triunfo dunha cancha moi complicada.

Redacción Salnés