O pazo de Goiáns volve pertencer ós boirenses

    pazogoians.jpgBOIRO> Case unha década despois de que se iniciarán as negociacións, este xoves tiña lugar a sinatura da escritura de compravenda do Pazo de Goiáns.

    {flowplayer}barbanza/compravendapazogoians.flv{/flowplayer}

    O salón de plenos do concello de Boiro vestiuse de gala para acoller un momento histórico. A compra definitiva do pazo de Goiáns vén satisfacer unha vella teima do executivo municipal que sempre se opuxo á recalificación da finca aprobada polo anterior goberno.

    Posta en valor

    Agora, o pazo e o seu contorno cunha superficie total superior ós 126 mil metros cadrados volve a ser titularidade de tódolos boirenses que poderán desfrutar deste espazo emblemático no que se vai acometer como primeira actuación a súa rexeneración medioambiental. 

    A sociedade CECOSA Hipermercados, matriz do grupo Eroski, recibiu pola venda do pazo catro millóns de euros, subvencionados polo Ministerio de Cultura.

    Seña de identidade

    Tras facer oficial a operación, coa firma da escritura, os membros do executivo non podían ocultar a súa satisfacción. O alcalde, nun emotivo discurso, referiuse á recuperación dunha parte fundamental da historia de Boiro.

    Tamén tivo palabras de agradecemento para os representantes de Eroski pola súa paciencia ó longo destas farragosas negociacións nas que, dixo, sempre souberon comprender os intereses do concello.

    Xosé Deira pechou a súa intervención cunha sentida lembranza ó ex concelleiro de Cultura, Xavier Cortés, un dos promotores da recuperación do pazo de Goiáns.

    Redacción Barbanza