Ribadumia e Sanxenxo crúzanse no seu mellor momento

SALNÉS> Na Terceira, o Portonovo retoma a competición tralo descanso obrigado e faino recibindo na casa ó Somozas. O Vilalonga pola súa parte visita o difícil campo do Couto. Repasamos tamén como se presenta a xornada na Preferente Sur.

Coa moral recuperada tras vencer a semana pasada, o Vilalonga tratará de dar a sorpresa no campo dun dos máis claros favoritos ó ascenso, o Ourense. Un conxunto, o do Couto, que tan só se deixou dous empates na casa no que vai de liga, ante Racing de Ferrol e Negreira, o resto foron victorias.

O seu poder ofensivo é temible, con 28 goles en once partidos, dobrando nesta faceta a outros equipos potentes como o Cerceda. Posúen ademais ó pichichi do grupo, Adrián Quintairos, que con oito goles cada vez se vai parecendo máis o que hai anos deslumbrou na canteira do Real Madrid.

No bando celeste, despois do bo resultado que deu ante As Pontes, Tachi podería repetir no centro do campo xunto a Jesu, deixando o eixo da zaga para Miguel e Avendaño. Este partido dará paso a un calendario máis asequible do Vilalonga ata o remate da primeira volta, ante conxuntos da parte media e baixa da táboa.

Ó Portonovo chegoulle o parón no peor momento, en plena recuperación, pero de seguro que os de Jacobo Molina traballaron duro esta semana, con moitos máis folgos, logo de sumar catro puntos en dous encontros. Desta volta tócalle recibir na casa a un equipo que tamén loita pola salvación, o Somozas, ó que sempre lle gañou en Baltar. O Portonovo busca a súa primeira victoria coma local ante un rival ó que se lle dá mellor xogar coma visitante.

Na Preferente Sur, Ribadumia e Sanxenxo atópanse na Senra no mellor momento da temporada para eles. Despois de sumar tres victorias consecutivas, para algún rematará a xeira positiva. Dous equipos en plena melloría, parecidos polos esquemas que utilizan os seus adestradores e que non especularán co resultado. Borja será baixa no bando local.

O Céltiga visita ó Arenteiro. O encontro ante o Barbadás, ou máis ben o colexiado, deixou ós de Rial en cadro. Nacho e Aarón son baixa para este partido por sanción e Ero perderase os vindeiros catro encontros polo mesmo motivo. Aínda así, os da Illa non deberían ter problemas para sacar adiante o choque ante un equipo que é carne de descenso.

Tamén o é A Peroxa, rival do Arousa, un equipo que ainda non puntou no que vai de liga. Non é moito mellor a xeira dos vilagarciáns que sumaron dous puntos dos últimos quince en xogo. Coa incorporación de Jesús e a volta de Camiño trala súa lesión os de Lino González son favoritos para a victoria.

Por último o Cambados volve a xogar na casa. Os de Ángel Oliveira cada vez teñen menos marxe de erro. O xogo é bo pero os resultados aínda non chegaron. O fiflial do Ourense pode ser un bo rival para que os amarelos comecen a ergue-la cabeza.

Redacción Salnés