Meaño acollerá o próximo 13 de setembro a XXXI Carreira popular

MEAÑO> A cita estará aberta a tódalas categorías, con varios percorridos en función da idade de cada participante. Con apenas variacións con respecto a outras edicións, a carreira popular de Meaño terá lugar o próximo domingo 13 de setembro con saída dende a Praza da Feira. A proba estará aberta a tódalas categorías, dende absoluta a chupetes, con lonxitudes diferentes en función da idade de cada participante. Unha das principais novidades será que a carreira este ano terá un carácter solidario. Non se cobrará ningunha inscrición, aínda que cada participante deberá aportar alomenos antes do inicio da proba un quilo de alimentos non perecedeiro. Outra das novidades serán os trofeos para os gañadores. O concello decidiu apostar este ano por un artista local para o deseño dos premios. As inscricións na carreira poderán realizarse ata o vindeiro dez de setembro a través da páxina web www.championchipnorte.com. Dende o concello quixeron agradecer tamén ás distintas casas comerciais que colaboran coa carreira: Vitivinícola Arousana, A Quinta de San Amaro, Superlage e Interrrías, xa que sen a súa axuda sería prácticamente imposible poder desenvolver esta proba.