O pequeno comercio mantén o peche pero teme polo seu futuro

SALNÉS> En pleno estado de alarma pola crise sanitaria provocada polo COVID-19, o impacto que a situación pode ter na economía é aínda unha incógnita. Pero  o comercio local témese o peor. Unicamente os establecementos que ofrecen servizos e produtos de primeira necesidade poden manter a súa atención ao público, tomando sempre as medidas pertinentes para evitar contaxios. A pesares das medidas anunciadas onte polo goberno do Estado, a situación preocupa, e moito, aos comerciantes.

A situación de incertidume provocada pola crise do coronavirus cébase co xa maltreito comercio local. Só os que ofrecen servizos e produtos de primeira necesidade poden manter a súa atención ao público. Os demais tiveron que baixar a persiana.

Na comarca do Salnés non son alleos a esta problemática. Dende o Consorcio explican que aínda é cedo para valorar o paquete de medidas anunciadas onte polo goberno do Estado, pero confesan que calquera axuda será ben recibida.

A pesares de que as grandes plataformas de Internet manteñen a súa venda online, Rocío Louzán cre que mercar tampouco é unha prioridade para os clientes nestes momentos máis aló dos produtos de primeira necesidade. Cren que a incertidume vai contraer o consumo.

Mentres, as diferentes asociacións de comerciantes aproveitan para facer publicidade dos seus establecementos a través das redes sociais. Mantendo o pulso aos grandes para que os clientes se conciencien do peso dos pequenos no tecido produtivo e social das vilas.