A conselleira do Medio Rural visita a sede de Kiwis Atlántico en Ribadumia

    RIBADUMIA> A consellería de Medio Rural achegou nos últimos anos unha axuda de 1,4 millóns de euros á empresa Kiwi Atlántico con sede en Ribadumia. Esta mañá a conselleira desta área visitou as instalacións desta compañía, a máis relevante a nivel nacional en produción desta froita. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá no concello de Ribadumia, a explotación Kiwi Atlántico, á que se lle concederon nos últimos anos axudas por valor de 1,4 millóns de euros. Destes, preto de 860.000 corresponden coa convocatoria deste ano da orde de transformación e comercialización de produtos agrarios deste ano. A conselleira destacou o carácter emprendedor desta compañía, a principal produtora de kiwi de España, con 12.099 toneladas, un 61 por cento máis que a produción media estatal. E polo que nos contou esta mañá o seu xerente, este ano, a produción parece que tamén vai ser boa. Coa subvención deste ano a empresa busca ampliar as súas instalacións coa construción dunha nova superficie cuberta, que constaría dunha nave de 985 metros para novas cámaras frigoríficas, a ampliación da zona de procesado, e execución duna nova cámara de maduración. Ademais de mellorar a climatización de recintos frigoríficos para outras dúas novas cámaras de conservación . Kiwi Atlantico naceu en 1988 e hoxe en día dispón de máis de 170 hectáreas de produción en España e Portugal, ademais de 50 en Uruguai. Pero o 60 por cento do seu produto procede de Galicia, sendo Pontevedra a provincia con maior número de superficie plantada.