SALNÉS> Mala nova para os amantes do motor, porque dende a organización do Rally do Albariño anunciouse que non se celebrará o evento este ano. O motivo, a falta de apoios económicos, que poderían conlevar a súa desaparición definitiva.
A crise económica continúa a facer estragos a tódolos niveis. Un dos maiores damnificados é o deporte. Os clubes de futbol, baloncesto e outras disciplinas lévano sufrindo anos e pagando as súas consecuencias. Agora tocoulle ó motor.
E é que o Rally de Albariño corre serio risco de desaparición. Unha das probas máis importantes e carismáticas do calendario galego de rallies semella ter os días contados.
A falta de apoios económicos obrigou á organización a trasladar o evento este ano do mes de maio, cando se disputaba habitualmente, ó mes de decembro, coa intención de darlle unha marxe maior á hora de recadar fondos. Pero nin así.
Unha das grandes razóns polas que se viron abocados a tomar esta decisión dende a Escudería Salnés Motor foi que non recibiron os 15.000 euros que unha institución pública se compromtetera a darlles.
Agora, áinda con débedas pendentes da edición do 2009, na organización trabállase para cumprir con tódolos seus acreedores. De non cambiar esta situación, o Rally do Albariño non só deixaría de disputarse este ano senón que corre o risco de desaparecer para sempre.
Tras dezaoito edicións podería poñerse o punto e final a un evento que reuníu primavera tras primavera a milleiros de afeccionados ó motor nas estradas do Salnés. Tratábase ademais dunha das probas máis queridas polo pilotos, de feito era habitual que a organización tivese que rexeitar inscricións por non poder dar cabida á semellante cantidade de automóbiles.
Dende a Escudería Salnés Motor piden que agora sexan os concellos das comarca os que se mollen neste asunto se é que realmente queren que o Rally Albariño continúe a celebrarse.
Redacción Salnés