Pontevedra conta as horas para o arranque do Multisport de Tríatlon 2025

PONTEVEDRA> Pontevedra conta as horas para o arranque do Multisport de Tríatlon. A cita inaugural será este venres e todo está listo na cidade para acoller ás máis de 10.000 persoas e case 4.000 deportistas que pasarán pola vila durante esta semana. Hoxe a Casa Consistorial acolleu a presentación oficial das probas que volverán poñer o foco do tríatlon mundial en Pontevedra.

Pontevedra volverá entregarse á febre do tríatlon. Este venres comeza o Mundial Multisport, que encherá a cidade de xente e deporte do máis alto nivel.

O mundial desenvolverase dende o día 20 ao 29 deste mes de xuño. Entre todos os participantes haberá 165 galegos, con nomes como Cristian Fernández, Andrés Cendán, Elsa Pena ou Antonio Serrat.

O primeiro Multisport de Pontevedra foi no 2019 pero o idilio da cidade con este deporte vai máis aló. No 2014 acolleu o Mundial de Dúatlon e no 2023 a Gran Final das Series Mundiais.

Nesta nova cita, o tríatlon en Pontevedra volve contar co apoio doutras administracións. É o caso da Deputación e da Xunta, que destacaron a entidade da proba a nivel mundial.

O Multisport aínda non comezou pero os organizadores xa avisan de que despois do día 29 non haberá parada. Trala despedida deste mundial, comezarán os preparativos da Gran Final que a cidade volverá acoller no 2026. Unha verdadeira historia de amor.