Xa está aberta a inscrición na carreira pedestre popular de Noia

NOIA> A proba, que se disputará o vindeiro sábado 30 de agosto, terá como principal novidade este ano o seu cambio de horario, xa que será proba nocturna. O salón de plenos do concello noiés acollía o acto de presentación da 18 edición da carreira pedestre popular que se celebrará o vindeiro sábado 30 de agosto. Trátase dunha proba organizada polo Club Atletismo Noia, que conta coa colaboración do concello e a Federación Galega de Atletismo, a través da súa delegación en Santiago. Sen dúbida unha das principais novidades da edición deste ano será o cambio de horario, xa que pasará a disputarse de noite. A carreira estará dirixida a tódalas categorías, dende chupete e pitufo, ata senior e veteráns, para os que haberá distintos percorridos e distancias. Dende a organización agardan superar os 400 participantes, cifra á que se chegou na edición pasada. A proba conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo que ano tras ano vén apoiando unha competición que reúne a grandes figuras do deporte galego. A loxísitica e o control da proba volverán a correr a cargo de MSport, a empresa do exciclista Ezequiel Mosquera, volcada na promoción deste deporte popular. O prazo de inscrición na proba xa está aberto podéndose realizar ata o vindeiro 27 de xuño, a través da paxina www.emesports.es. Dende a organización destacaron a colaboración das distintas casas comerciais que patrocinan a carreira, na que se repartirán uns 1.100 euros en premios.