BARBANZA> O forte vento durante toda a noite e primeiras horas desta mañá, rexistrándose rachas na estación metereolóxica de Lousame de máis de 122 quilómetros por hora, provocaron un regueiro de incidencias, aínda que a maioría delas sen demasiada importancia.
Algún que outro desprendemento de fachadas, contedores e tellas caídas ou postes e árbores no medio de estradas que obstaculizaban a circulación, como o que afectou á AC-305, ó seu paso por Palmeira, ou á estrada provincial que une Boiro e Noia, en Tállara, onde foi preciso actuar tamén con celeridade.
En Ribeira os bombeiros tiveron que acudir tamén a retirar parte dunha estrutura metálica na nave da depuradora do Touro que presentaba un serio perigo, tanto para vehículos coma para os peóns que puideran transitar pola zona.
Un dos incidentes máis chamativos producíase no polígono de Augalevada, en Noia, afectando ó escenario da orquestra New York, que estaba alí instalado, preparándose para a nova tempada, de onde se desprenderon varias partes da estrutura do palco.
Aínda que non relacionado co temporal, os bombeiros tamén tiveron que realizar unha saída para a retirada dun poste e cables de teléfono caídos na intersección das rúas Alexandre Bóveda e Rafael Dieste, na Pobra, que foran derrubados por un vehículo pesado e que entorpecían o tráfico