O concello toma medidas para frear a vaga de atropelos

    atropelosribeira.jpgRIBEIRA> O último atropelo acontecido o domingo no lugar de Salmón, na parroquia de Oleiros, vén engrosar a longa lista que acumula Ribeira neste ano.

    {flowplayer}barbanza/atropelosribeira.flv{/flowplayer}

    O accidente tivo lugar cando unha veciña de Oleiros que cruzaba por un paso de peóns foi alcanzada por un vehículo. A muller, de 76 anos, sufriu traumatismos de diversa consideración e tivo que ser trasladada ata o Clínico de Santiago, onde permanece ingresada.

    Dase a circunstancia de que este atropelo é o último dunha longa lista que se veu considerablemente engrosada ó longo do último mes con episodios deste tipo cada semana.

    Causas diversas

    Os veciños recoñecen que en ocasións os accidentes prodúcense pola imprudencia dos peóns ou dos condutores aínda que, en moitos casos, débese á mala situación dos pasos, a escasa visibilidade ou á falla de sinalización.

    Ante o alarmante incremento dos casos, o concello decidiu actuar en tres direccións. En primeiro lugar, reforzar a vixilancia para o que xa se deron instrucións á policía local e se iniciaron as xestións coa Garda Civil de Tráfico.

    Formación

    No eido da prevención, os cursos de seguridade vial deixarán de ser exclusivos das escolas e impartiranse tamén a maiores a través da asociación das amas de casa.

    Puntos negros

    Por último, instarase á Xunta a acometer actuacións nos puntos negros das súas estradas como pode ser a Avenida de Ferrol, onde hai duas semanas tivo lugar un atropelo mortal, ou a estrada AC-550 ó seu paso por Oleiros na que onte se produciu o accidente.

    Entre as medidas a adoptar, solicitan a substitución do pavimento, a adecuación dos peraltes, a instalación de badenes ou o incremento da sinalización para limitar a velocidade.

    Redacción Barbanza