SALNÉS> Vilalonga e Portonovo enfróntanse o domingo no campo de San Pedro nun partido moi importante sobre todo para o cadro visitante. Na Lomba, Arosa e Céltiga buscan un triunfo trascendental para ambos.
Xógase moito máis o Portonovo que o Vilalonga no derbi desta fin de semana. Os de Jacobo Molina, a un punto da salvación, queren seguir remontando posicións na táboa e de paso meter na loita pola permanencia a un Vilalonga que nas últimas semanas colleu aire.
Tampouco é que os locais acudan á cita relaxados nin moito menos. Ben é certo que os bos resultados acadados nos úlitmos dous meses déronlle sete puntos de marxe sobre o descenso, pero o futuro incerto da entidade fai que sexa necesario para eles acadar a salvación o antes posible. Coas marchas de Avendaño e Abraham a semana pasada, agora Gabi Leis tan só pode contar con trece xogadores de campo. De seguro que as lesións e as sancións vanlle dificultar aínda máis sumar puntos durante a segunda volta que agora empeza. Por iso para eles é duelo de vital importancia. De gañalo deixarían ós de Baltar a dez puntos.
Prevese un choque igualado e moi disputado. Históricamente sempre foron partidos equilibrados. Dos sete derbis disputados entre ambos na Terceira e en San Pedro, houbo tres victorias para cada un e un empate. Máis igualdade imposible. Por outra banda, o feito de que o Portonovo suma o 70% dos seus puntos totais en campo alleo, dálle un plus de posibilidades ós visitantes.
De pouco serve o precedente do 1-3 para o Vilalonga na primeira volta. Os dous equipos cambiaron moito e aquel fora o primeiro encontro de liga. Agora os dous buscarán canda menos non perder e aproveitar algún erro do rival para poder sumar unha victoria que sería de gran valor non só a efectos morais, senón tamén de clasificación.
O DERBI DA LOMBA MARCA A XORNADA NA PREFERENTE SUR
E se bonito será o derbi entre Vilalonga e Portonovo, non será menos na Preferente o da Lomba, que enfronta a Arosa e Céltiga. Os vilagarciáns chegan coa moral reforzada logo de vencer o pasado domingo ó Cruceiro por 0-3, pero continúan nunha situación crítica, en postos de descenso, polo que é de vital importancia para eles sacar os tres puntos. O mesmo que para o Céltiga, que despois de cinco xornadas sen gañar, están a nove puntos dos postos de ascenso. Unha derrota ante o Arosa alonxaríalles aínda máis dese obxectivo.
O partido da Lomba será o domingo ás 17:00, mentres que para as 16:30quedarán o Porriño-Cambados, Ribadumia-Arenteiro e Sanxenxo-Cruceiro.
Redacción Salnés