Detidos dous mozos como supostos autores de máis de 50 roubos

    DETIDOS_CAMBADOS100.jpgCAMBADOS> Xunto a estes rapaces de 21 e 19 anos, a Garda Civil arrestou a outro menor de idade que participaría no roubo da Casa de Cultura de Corbillón.

     Entre o xoves e o venres, a Garda Civil detivo ós cambadeses I.B.B., de 21 anos, e J.I.G, de 19, como supostos autores de máis de cincuenta roubos nos concellos de Vilagarcía, Vilanova e Cambados. Un ciclomotor, varias bicicletas, equipos informáticos, cámaras dixitais ou teléfonos móbiles son só algúns dos artigos que interviron os axentes nos rexistros realizados nos domicilios dos arrestados. Tamén mandos a distancia para abrir garaxes e ferramentas para forzar pechaduras, pois entre o seu historial delictivo figurarían, presuntamente, a entrada en vehículos privados, locais comerciais, quioscos, colexios e centros públicos, como a Casa de Cultura de Corbillón. Nesta última, os investigadores consideran que tamén tería participado un terceiro detido, menor de idade.

    A operación, levada a cabo pola Garda Civil de Cambados, aínda está aberta, por iso non se coñece aínda o número total de faltas que se lles imputan ós mozos, pero a cifra provisional alude a máis de cincuenta roubos. Máis de corenta destas faltas corresponderían a furtos no interior de coches estacionados na vía pública e en garaxes particulares. Para acceder ós aparcamentos, os detidos empregarían distintos métodos, unhas veces aproveitando despistes dos usuarios cando chegaban ou saían co coche, outras forzarían a pechadura do portal de acceso cunha chave mestra ou ben manipulaban o sistema eléctrico de apertura.

    Está previsto que os detidos pasen hoxe a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas. Tódolos artigos interceptados polo de agora nos rexistro domiciliarios atópanse almacenados no cuartel da Garda Civil cangués.

    Redacción Salnés