BARRO> Dous irmáns residentes en Cuntis e Asturias están detidos como supostos autores dun delito de lesións graves e atentado contra axentes da autoridade.
Na tarde do xoves, e por causas que aínda se descoñecen, V.V.T., de 32 anos e veciño de Cuntis, xunto ó seu irmá A.V.T., de 26 e residente en Asturias, propinaron supostamente unha tunda a unha veciña de Barro. Como consecuencia da malleira, a muller tivo que ser trasladada ó Hospital Xeral Cíes de Vigo cun cadro clínico crítico, mentres que outras dúas veciñas que acudiron a socorrela resultaron feridas leves.
Ata o lugar do suceso desprazouse unha patrulla do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) xunto con axentes da Garda Civil de Cambados. Ó proceder á detención dos supostos agresores, estes encaráronse cos membros do SEPRONA, causándolles unha serie de lesións que lles impediron seguir prestando o seu servizo. Finalmente, a Garda Civil logrou reter ós irmás.
No enfrontamento resultou tamén ferido un dos apresados, V.V.T., que foi trasladado ó Hospital Provincial de Pontevedra. Alí ingresou no módulo de seguridade, pois dáse a circunstancia de que a lea produciuse mentres gozaba dun permiso carcerario. Ó irmá levárono para os calabozos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Ós dous impútanselles os delitos de lesións graves e atentado contra axentes da autoridade.
O Xulgado de Primeira Instancia de Caldas de Reis é o encargado da instrución do caso.
Redacción Salnés