Precintada a pirotecnia de Catoira

CATOIRA> O concello de Catoira precinta a pirotecnia ilegal de Coaxe. No almacén, situado na parroquia de Dimo, xa non queda ningún tipo de material explosivo. Constatouno esta mañá a Garda Civil. Os veciños celebran a noticia, logo de varios anos loitando contra a instalación deste almacén. Agora piden que se execute a súa orde de derribo.

Tras máis de tres anos de loita, hoxe os veciños de Coaxe, no concello de Catoira, celebran unha nova vitoria contra a pirotecnia da empresa Pirogal. O concello procedeu esta mañá ao precintado deste taller onde, segundo informe da Garda Civil, gardábanse máis de 570 quilos de explosivos, nunhas instalacións concibidas como alpendre para gardar apeiros de labranza. Unha obriga legal, apuntaban hoxe, ao carecer de calquera permiso para realizar aquí calquera actividade, avalado por unha sentenza do TSXG.

O alcalde confirma que aquí dentro xa non queda nada dese material explosivo.

Os veciños da zona achegáronse hoxe a presenciar o precintado destas instalacións. Destacan a súa incesante loita dos últimos anos celebrando que agora xa poden durmir tranquilos.

Obxectivo que tamén comparte o goberno local.

O rexedor nacionalista aproveitou hoxe para reiterar o seu recoñecemento á loita veciñal que conseguiu poñer freo a este proxecto.