Loito polo falecemento do socialista Carlos Berride

    CARLOS_BERRIDE.jpg VILAGARCÍA> O que fora concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente na etapa de Javier Gago, faleceu tras unha longa loita contra unha grave enfermidade.

    Marcha o home do consenso, un político vital cun aplomo digno de calquera situación. Así definen os compañeiros do partido socialista de Vilagarcía a Carlos Xesús Berride Ferreira. A grave enfermidade que padecía rematou por gañarlle a batalla nun momento no que o seu apoio e carácter conciliador era máis preciso ca nunca. Desde esta mañá as bandeiras do concello ondean a media asta en sinal de doo e arredor da unha e media da tarde abríase no tanatorio de Cea a sala para velar ó féretro.

    Carlos Berride era arquitecto e formou parte do goberno de Vilagarcía entre o 1991 e o 99, coincidindo coa etapa de Javier Gago como alcalde. Nestes anos ocupou as carteiras de Urbanismo e Medio Ambiente, e entre os seus traballos salienta o de ser un dos artífices do PXOM vilagarciá. Os seus achegados salientaron que nos últimos días se lle vía máis animado, incluso estaba recuperando a súa rutina laboral, polo que o seu pasamento tomou a todos por sorpresa.

    Redacción Salnés