CAMBADOS> En Cambados, amplo dispositivo de busca dun veciño de Meis de 48 anos. O varón leva desaparecido dende hai unha semana. O seu coche foi localizado na zona de Covas de Lobos con roupa no seu interior. Nesta xornada sumouse a ese operativo de busca un equipoi de mergulladores da Garda Civil. Polo de agora mantéñense abertas todas as hipóteses, mesmo que poida ser unha desaparición voluntaria.
Un equipo de mergulladores do GEAS da Garda Civil sumouse nesta xornada ás tarefas de busca dun home na contorna do río Umia. Trátase dun veciño da Armenteira de 48 anos. Non se sabe nada del dende o mércores da semana pasada. O xoves, o seu vehículo apareceu estacionado de forma estraña preto da ponte de Covas de Lobos, en Cambados. No seu interior estaba a súa roupa.
E dende aquela, hai en marcha un dispositivo de busca na zona do río, tanto por terra como dende o aire, cun helicóptero. Ante a falta de indicios, nesta xornada sumáronse catro mergulladores da Garda Civil.
Os mergulladores peitearon nesta xornada catro quilómetros do río, dende a zona de Barrantes ata a súa desembocadura en Castrelo. Polo de agora, todas as liñas de investigación están abertas e non se descarta ningunha das hipóteses.
No operativo tamén interviron nas últimas horas axentes do Seprona, da Policía Local e de Emerxencias de Cambados.