SANXENXO> Máis de 400.000 visitantes achegáronse a Sanxenxo durante o mes de xullo. Son os datos que deixa un estudo encargado pola Mancomunidade do Salnés baseándose na análise do Big Data e a xeolocalización do teléfono móvil. Un dato que representa un crecemento de máis do 9% respecto do ano anterior.
Sanxenxo recibiu no mes de xullo máis de 415.000 visitantes e case 135.000 turistas. Unhas cifras que supoñen un crecemento respecto do mesmo mes do ano anterior: un 9% no primeiro caso e dun 7% no segundo. Son datos extraídos dun traballo encargado pola Mancomunidade do Salnés, baseándose na análise do Big Data e a xeolocalización do móvil.
Segundo o estudo, o tempo medio de estancia dos visitantes, aquelas persoas que non pernoctan, foi de algo máis de 4 horas e o total de visitas superaron os 1,6 millóns. En canto á procedencia destacan Pontevedra, Madrid e Coruña, no caso do territorio español, e Portugal, Francia e Alemaña se falamos do visitante internacional.
Respecto dos turistas, rexistráronse máis de 587.000 pernoctacións e o tempo medio de estancia foi de 3,19 noites. Neste caso, destaca Madrid como lugar de procedencia.
O estudo revela tamén un dato que reafirma o incremento poboacional de SAnxenxo durante os meses estivais. En xullo o municipio triplicou a cantidade de persoas que pernoctan máis de 15 días. En comparación coa poboación rexistrada no padrón acadouse unha poboación estable de 38.700 persoas.