A Xunta asina catro convenios coas confrarías de Vilaxoán e Carril

    confrarias_touris copia100.jpg VILAGARCÍA> Os acordos, dous con cada pósito, están destinados a manter os postos do biólogo e dos vixiantes de seguridade.

    A Xunta ven de asinar catro convenios, dous por cada pósito, coas confrarías de Vilaxoán e Carril, uns acordos que suporán ó redor de 125 mil e 141 mil. euros respectivamente. Nos actos, o goberno autonómico estivo representado polo seu delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e pola xefa territorial de Mar, Sonia Lorenzo. No nome das confrarías acudiron os seus patróns maiores, Manuel Tarrío e Fernando Franco.

    O primeiro dos convenios irá destinado ó mantemento do contrato dun biólogo, co obxectivo de manter as xestións das zonas de produción. A realización dun plan de actuación conxunto para realizar actividades que permitan a implantación de Técnicas de Semicultivo, o seguimento da produción dos bancos naturais marisqueiros, e a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción, concentrarán a actividade do experto.

    Pola súa banda, o segundo dos acordos busca manter os postos dos vixiantes de ambas confrarías; traballadores cuxas funcións pasan por realizar actividades de conservación, protección e sostibilidade da explotación dos recursos mariños, ademais de loitar contra o problema de furtivismo.

    Os convenios terán unha duración de seis meses, aínda que Cores Tourís asegurou que se prolongarán seis meses máis.

    Redacción Salnés