Vilanova inaugura o seu cuarto estadio de herba artificial

    VILANOVA> Vilanova ven de inaugurar un novo campo de fútbol de herba artificial na parroquia de Corón, onde xoga o Club Deportivo Chispa.

    {flowplayer}images/salnes/inauguracion_campo.flv{/flowplayer}

     Esta infraestructura supuxo un investimento de preto dos 400.000 euros, froito dunha colaboración entre o Concello, a Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Con este novo espazo, Vilanova convértese no Concello da provincia con menos de 10.000 habitantes dotado da maior infraestructura deportiva.

    O acto de inauguración consistiu na bendición do mesmo polo cura párroco de Caleiro e a correspondente descuberta de placa por varias das autoridades asistentes e as xovenes promesas do fútbol do club local. Uns futuros grandes xogadores recibiron, amais dun campo novo do trinque, cadansúa mochila da Deputación Pontevedresa. Os agradecementos sucedéronse nun acto, no que o presidente do Club Deportivo Chispa non puido máis que lembrar emocionado o traballo histórico dos presidentes deste club nos últimos 80 anos.

     O día non podía ser máis feliz neste recuncho de Vilanova, ou si, o Alcalde non deixou pasar a oportunidade de reivindicar máis melloras en materia cultural e deportiva. Gonzalo Durán agarda a que todo este investimento teña unha repercusión directa no futuro da canteira local, que chegue a levar o nome do pobo polos grandes clubes futboleiros.

    Redacción Salnés