O CEIP de Lousame acada dous premios á innovación educativa

premiosceiplousame100.jpgLOUSAME> Dous proxectos desenvolvidos no colexio Cernadas de Castro foron premiados pola Xunta de Galicia polo seu carácter innovador.

{flowplayer}barbanza/premiosceiplousame.flv{/flowplayer}

Trátase de ‘O encerado dixital na aula’, na categoría de fomento do plurilingüismo e ‘Os avós e as avoas molan’ na modalidade de Introdución das competencias básicas na aula.

Novas tecnoloxías

O primeiro deles foi recoñecido polas vantaxes que supón a implantación do encerado dixital nas aulas. Aplicouse nunha clase de sección bilingüe de cuarto de secundaria cunha unidade de historia en inglés. O resultado foi do máis satisfactorio comprobando que a través deste sistema é moito máis doado chegar ó alumnado posto que lle resulta moi máis dinámico e atractivo o desenvolvemento das clases.

Contacto interxeracional

O outro dos proxectos, dirixido ós alumnos de infantil, incidiu fundamentalmente na relación entre nenos e maiores fomentando os nexos interxeracionais. Os avós dos nenos participaron activamente nas clases aportando a súa experiencia vital como base do coñecemento. A flexibilidade do proxecto permitiu abordar os máis variados temas dende gastronomía, costumes, oficios ou mesmo cuestións transcendentais como a vida e a morte.

Ademais da dotación económica, de catro mil euros cada un, estes premios supoñen un importante incentivo para seguir a traballar pola mellora da calidade educativa posto que fan visible o labor diario dos centros de ensino.

Redacción Barbanza