Luis López enxalza os cinco festivais Rías Baixas Fest

O Grove > O presidente provincial, Luis López xunto coa deputada de Turismo Nava Castro, participou en San Vicente na presentación dos festivais Portamérica, Atlantic Fest, Sin Sal, SonRías e Revenidas; agrupados por primeira vez baixo a marca provincial Rías Baixas Fest.

A Deputación patrocina estes cinco festivais pola súa pegada no emprego e en sectores como a hostalaría, o turismo ou o comercio; pola súa capacidade para atraer visitantes e por situar ás Rías Baixas no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional.

“Os Rias Baixas Fest resumen todo o que o noso modelo de turismo é e aspira a ser: unha oferta que pon en valor a incomparable beleza natural da nosa provincia, unha proposta que integra moitas das nosas grandes fortalezas turísticas, como a nosa gastronomía; e un plan que combina actuacións de músicos de prestixio internacional ao tempo que difunde a música emerxente da nosa terra. E todo isto maridado cunha dose fundamental de sustentabilidade, que é o faro que marca a nosa folla de ruta na planificación do turismo”, afirmou Luis López para pechar unha presentación que rematou co concerto da banda pontevedresa La Mosca Valiente.

Luis López explicou que estes festivais son “moito máis” que tres días de concertos. “Son fonte de riqueza, emprego e crecemento económico de sectores estratéxicos como o comercio, a hostalaría, o transporte ou o turismo; son un recurso vital da nosa oferta de ocio cultural e turística para captar visitantes; e son unha referencia que posiciona ás Rías Baixas no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional”