R.Madrid, Español e Cerezo Osaka, confirmados para a AF7

VILAGARCÍA> Arousa Futbol 7, que ven de adiantar o nome dos primeiros equipos en confirmar a súa presencia. Xunto ó Inter, que defenderá título, estarán Real Madrid, Español e Cerezo Osaka, de Xapón.

O Torneo Internacional Alevín Arousa Futbol 7 xa ten os seus primeiros catro equipos confirmados. Unha vez que o actual campión, o Inter de Milán, asegurou que defendería título, os seguintes en dar o sí foron o Real Madrid, o Español e o Cerezo Osaka.

Tanto merengues como periquitos contan con dúas das canteiras máis prolíficas do futbol nacional. De feito os madrileños foron quen de alzarse co torneo en catro ocasións, a última en 2005. O ano pasado tivo que conformarse co terceiro posto logo de superar precisamente ó Español na final de consolación.

Pola súa parte o conxunto barcelonés virá con gañas de completar unha boa actuación logo de proclamarse campión na edición de 2009.

Se o bo futbol xa está confirmado coa presencia tantos de italianos como de españois, a nota exótica tampouco faltará. O ano pasdo o torneo abríu as súas portas ó futbol asiático e o resultado foi inmellorable. O Omiya Ardija foi o pioneiro. O equipo de Saitama enamorou polo seu futbol, remataron sextos, e pola gran deportividade amosada polos seus xogadores. Desta volta será o Cerezo Osaka o que represente a Xapón na Arousa Futbol 7. Un club que ten ó seu primeiro equipo na máxima categoría do seu país e que, como xa sucedera co Omiya Ardija o ano pasado, accedeu a pagarse o seu traslado dende terras niponas ata Vilagarcía.

Dende a organización continúase a traballar para poder confirmar canto antes a tódolos equipos presentes no torneo deste ano, que se celebrará do 27 ó 29 de maio. A fase previa xogarase do 21 ó 24 de abril, de ahí sairán catro equipos que se enfrontarán ós convidados pola Arousa Futbol 7.

Redacción Salnés