O porto de Castiñeiras queda sen rampla de acceso

    danostemporalcastineiras.jpgRIBEIRA> A forza do vento e das ondas acabaron por esnaquizar totalmente esta rampa de varada tras o paso do ciclón Quirin.

    A rampla do porto de Castiñeiras en Ribeira xa non aguantou máis topadas do mar. A forza das ondadas foi suficiente para levantar gran parte das pedras deste acceso. O pasado mes de decembro,  outro forte temporal danou a estrutura deixando gran parte das pedras levantadas. Dende aquela ningunha administración se preocupou de amañala, na espera de que o mal tempo acabara de rompela completamente. Algo que conseguiu o ciclón Quirin.

    {flowplayer}barbanza/temporalcastineiras.flv{/flowplayer}

    Agora os mariñeiros da zona e usuarios do peirao quedaron sen esta necesaria estrutura, que lle permitía sair ó mar e amarrar as embarcacións. Tamén a empregaban os mariscadores de Aguiño nas ocasións na que a forza do mar lles impide utilizar o seu porto.

    Pedras no paseo marítimo

    Pero non só en Castiñeiras teñen problemas ca forza dos temporais. Cando o vento peta con violencia en Corrubedo, a zona do paseo marítimo énchese de area e pedras. Os veciños xa saben que perante o anuncio dunha ciclón ou unha borrasca é preferible deixar os vehículos aparcados lonxe da praia se queren evitar crocaduras na carrozaría. Coa construción dun espigón solucionouse parte deste problema, xa que hai uns anos, cando non existían lugares de abrigo, a area mesmo chegaba a colarse no interior das vivendas e era imposible circular pola estrada.

    Portos de Galicia xa cifrou nunha primeira avaliación os danos ocasionados polo temporal nas instalacións portuarias de Ribeira. Así, en Corrubedo, o desprazamento de lousas de formigón no espaldón, en 10.000 euros, en Castiñeiras a rotura da rampla de varada ascenderá a uns 24.000 euros e en Ribeira o custe do desprazamento do bloque de coroación será duns 3.000 euros. Esta previsto que as reparacións se inicien nas vindeiras semanas.

    Redacción Barbanza