Mañá dá comezo en Vilagarcía o II Open Nacional de Snipe

VILAGARCÍA> Os máis de cen participantes teñen hoxe o seu primeiro contacto coa mar coa disputa de dúas mangas de adestramento.

Mañá bota a andar en Vilagarcía o II Open Nacional de Snipe que reunirá a preto de cen embarcacións na Ría de Arousa ata o domingo pola tarde.

Esta proba, pese a contar con tan só unha edición precedente, xa está considerada como o pre-mundial, toda vez que se dan cita nela os mellores especialistas desta clase, antes de medirse en Dinamarca no Campionato do Mundo. De feito estarán nesta competición destacados regatistas como a actual campiona do mundo e ouro olímpico en Láser, Anna Tunnicliffe, ou o tamén campión do mundo nesta clase, Bruno Bethlem. Francisco Sáchez, campión de Europa en 2010, o belga Manu Hens, Gustavo del Castillo ou Jorge Martínez son outros dos nomes destacados neste evento. En total estarán representados once países diferentes.

A comunidade galega aporta unha flota de 31 embarcacións entre as que destacan as de Manuel Bermúdez de Castro ou a de Castor Alonso. En canto ós regatistas locais, Bernardo Paz, Bruno Gago ou Juan Debén tentarán facer tamén un bo papel diante da súa xente.

Despois das dúas mangas de adestramentos celebradas esta tarde mañá dará comezo a competición oficial coa disputa de tres probas. As seis restantes celebraranse entre o sábado e o domingo pola mañá. Contra as 15:00 do día 6 coñecerase polo tanto, o campión do II Open Nacional de Snipe.

Redacción Salnés