Os palistas pontevedreses que participaron no Mundial de Maratón de Australia foron recibidos onte na Deputación de Pontevedra. O seu presidente, Rafael Louzán, felicitou persoalmente ós deportistas e ensalzou o traballo de base desenvolvido polos clubes.
A Deputación ofreceu onte pola tarde unha homenaxe ós palistas pontevedreses que participaron a pasada semana no Mundial de Maratón en Australia. O presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, e a vicepresidenta responsable da área de Deportes, Teresa Pedrosa, foron os encargados de felicitar ós palistas.
Con eles estaban os representantes dos clubes As Torres Romaría Vikinga, de Catoira, do Illa de Arousa, do Breogán do Grove e do Kayak Tudense. Todos aproveitaron para reclamar máis axudas á Deputación. Louzán ensalzou o traballo destes clubes pola base do piragüismo e comprometeuse a seguir apoiando este deporte.
A representación pontevedresa regresou do mundial de Australia con tres medallas. Un dos que subiu ó podio é Óscar Graña, que repetiu bronce en C-2 co seu compañeiro Ramón Ferro. Está contento porque seguir na élite deste deporte aínda que regresa con mal sabor de boca por ver escapar a prata no último momento.
As únicas mulleres da expedición pontevedresa son María Pérez e Natividad Busto, do Club As Torres de Catoira. Ambas traen do mundial un sétimo posto, María en K-1 Senior, e Nati en K-1 Junior. Para elas, unha recompensa a unha dura tempada de traballo.
O principal reto para os palistas arousáns é agora descansar despois desta longa temporada. Pero na mente de todos están xa vindeiras competicións nacionais e internacionais para seguir na élite do piragüismo. Algúns como Rubén Pérez e Natividad Busto terano máis difícil porque se estrean xa na categoría Senior. Outros como Ferro e Graña tentarán pasar do bronce no vindeiro mundial.
Redacción Salnés