A marea branca en defensa da sanidade pública chega a Galicia

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/10/manifestacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/10/folga_sanidade_101213.mp4{/flowplayer} VILAGARCIA> Preto dun cento de persoas manifestáronse este martes ás portas do Hospital do Salnés no que foi a segunda xornada de folga da sanidade. Os sindicatos aseguran que o seguemento foi masivo, de en torno ó 80 %, namentres a Xunta rebaixa os índices de participación ata o 22.51 %. Ducias de persoas veñen de mobilizarse ás portas do Hospital do Salnés para esixir que se siga mantendo o sistema sanitario público actual. Aseguran que os Gobernos Central e Galego traballan no seu desmantelamento, ó que repercutirá directamente na calidade asistencial dos doentes. Os sindicatos CIG, CESM OMEGA e CCOO coidan que a política levada a cabo polo executivo que lidera Núñez Feijóo só procuran reducir as prestacións que arestora son de balde para os cidadáns co fin de aumentar o volume de negocio das empresas sanitarias privadas. Proba diso din, son o repagamento, as instruccións de derivar os accidentados menos graves a clínicas privadas; ou a Lei de Garantías, que máis aló de eliminar as listas de agarda as agochan para logo redireccionalas a clínicas privadas. E como en cada xornada de folga, asistimos a un baile de cifras sobre o seguemento da mesma. A Xunta asegura que só o 22.51 % dos traballadores públicos secundaron este paro en Galicia; unha porcentaxe que os sindicatos elevan ata o 80 %, ó tempo que denuncian que o Executivo Autonómico conta entre os traballadores ós servicios mínimos e as quendas que remataron xornada antes deste día.