O Entroido infantil amplíase fóra da Praza da Peixería

entroido_vilagarcia100.jpgVILAGARCÍA> O programa do Entroido despega co tradicional baile de disfraces para nenos e nenas que terá lugar mañá luns.

O Entroido Infantil, organizado pola Concellería de Xuventude e Solidariedade terá como ingredientes principais música en directo, disfraces, obradoiros, doces, bebidas, confetti e moitas sorpresas e diversión. A cita será na Praza da Peixería e na súa contorna a partir das cinco da tarde e poderán participar nas actividades nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade.

Como novidade, este ano as actividades celebraranse en dous espazos diferenciados para máis comodidade dos asistentes. No interior da Praza desenvolverase o baile, mentres que na rúa acollerá os diversos obradoiros. O dúo Chocolate será o encargado de amenizar o baile. No mesmo recinto habilitaranse varios postos onde se repartirá entre os asistentes produtos típicos da repostería de Entroido. No exterior da Praza habilitarase un espazo pechado ao tráfico no que se disporán varias carpas para o desenvolvemento de diversos obradoiros destinados ao desfrute e diversión dos cativos, tales como os de manualidades, debuxo e globloflexia. A festa prolongarase ata as oito e media da tarde.

FESTIVAL EN BARRANTES

Pola súa banda, o Concello de Ribadumia organizou un Baile de Disfraces Infantil, que se celebrará tamén mañá no Centro Social de Barrantes. A concellería de Cultura convida a todos os nenos a participar na festa, na que non faltarán música, agasallos e moita animación. O baile comezará ás 17:00 horas con entrada de balde. A concellería de Cultura entregará premios entre os asistentes. Así, o xurado valorará a orixinalidade e a creatividade dos disfraces. Os premios repartiranse en diferentes categorías: para menores de 5 anos, de 6 a 10 anos e para maiores de 11 anos. Asemade, tamén se premiarán na categoría individual, parellas e grupos. Ademais dos premios, durante o baile tamén se sortearán dúas bicicletas entre todos os asistentes.

Redacción Salnés