Durán bloquea a oposición ata que a Deputación retome as obras do auditorio

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/vilanova.mp4{/flowplayer}

 

VILANOVA> O goberno de Vilanova decidido a romper a normalidade democrática do concello. Esta mañá, o alcalde anunciou que o seu equipo de goberno non debaterá coa oposición nin aprobará ningunha das súas mocións, como medida de presión para conseguir que a Deputación de Pontevedra retome as obras do auditorio. O mércores reúnese ademais a comisión de seguimento dos traballos. En función do que se decida, Gonzalo Durán non descarta levar a cuestión aos xulgados.

Que PSdeG e BNG votaran en contra da urxencia da moción presentada polo Partido Popular sobre as obras do auditorio de Vilanova, foi a gota que colmou o vaso para o alcalde. Esta mañá, Gonzalo Durán e o seu goberno decidiron pór en marcha medidas de presión.

A normalidade democrática non volverá a Vilanova ata que a Deputación retome as obras do auditorio. O equipo de goberno non descarta, incluso, mudar o regulamento do pleno.

Deste xeito, Durán busca que a oposición apoie as súas demandas ante o goberno provincial. Unhas reclamacións que teñen unha cita importante este mércores, cando está prevista a reunión da comisión de seguimento das obras. Se non se desbloquea a situación, o alcalde e o seu equipo recorrerán á vía xudicial.

Durán tamén advertiu de que as medidas de presión irán en aumento, e non descarta convocar os veciños a mobilizacións e protestas para que a Deputación continúe coas obras que farán da casa da cultura de O Esteiro un auditorio para Vilanova.