Ribadumia homenaxeará a traxectoria de seis mulleres do concello

    salome_pena100.jpgRIBADUMIA> O Concello de Ribadumia conmemorará o 8 de marzo cunha homenaxe ás mulleres traballadoras do municipio, …

    … recoñecendo a súa traxectoria e o seu esforzo tanto no ámbito laboral como na conciliación coa súa vida persoal.

    A proposta da alcaldesa Salomé Peña é organizar un acto no que facer unha distinción a unha muller de cada unha das seis parroquias do concello –Ribadumia, Leiro, Lois, Besomaño, Barrantes e Sisán-. A homenaxe, que se organizará no Auditorio Municipal de Ribadumia, trasládase ao último fin de semana de marzo, para evitar que coincida con outras datas sinaladas como o Entroido ou o día do pai.

    O que se persegue é que acudan o maior número de veciños para premiar a estas grandes mulleres. A homenaxe a estas seis mulleres contará tamén coa participación dos seus familiares, xa que serán eles quen expliquen ao público os aspectos máis salientables na vida das homenaxeadas. Desde a concellería de Servizos Sociais, a edil Lidia Álvarez recoñece que elixir é moi difícil posto que ‘hai moitas mulleres que o merecen, pero é importante que saiban que esta é unha homenaxe para todas elas’.

    Salomé Peña entende que ‘é importante conmemorar este día e recordar que moitas das nosas mulleres tiveron que afrontar situacións moi difíciles ao longo da súa vida, e esas persoas merecen un recoñecemento público de todos os seus veciños’.

    Redacción Salnés