A Ruta Sarmiento viaxa a Fitur

    CAMBADOS> A próxima semana celébrase en Madrid Fitur, a feira Internacional do Turismo na que un ano máis estará presente a Mancomunidade do Salnés. Entre as ofertas que amosará esta edición a profesionais e visitantes de todo o mundo hai unha novidade: a ruta do Padre Sarmiento.

     

    Hai dous anos que a Mancomunidade do Salnés decidía investigar o percorrido que o pai Sarmiento iniciaba o 19 de xullo de 1745 en Pontevedra para peregrinar a Compostela. 190 quilómetros que o levaron por parte do litoral das rías de Pontevedra e Arousa e que recolleu nun diario de viaxes que chegou ata os nosos días. O bo funcionamento que viña reportando a Variante Espiritual do Camiño, e as peticións de turistas estranxeiros de novas rutas de sendeirismo polo Salnés, animaron ó ente comarcal a deseñar esta nova ruta.

     

    O próximo xoves en Fitur presentarán este novo atractivo a través dun vídeo de dous minutos e medio no que reproducirán unha mostra do camiño realizado por Sarmiento. En Semana Santa agardan que todos aqueles que o desexen poidan realizar xa a ruta. Nas vindeiras semanas procederán a instalar os preto de 450 sinais que guiarán ós peregrinos, e esperan ter tamén toda a cartelería e folletos.

     

    En mans dese sector hoteleiro deixan implementar servizos para os potenciais turistas, como a creación de albergues. Unha oferta que segundo a Mancomunidade complementa perfectamente á ofrecida pola Variante Espiritual.