Gustavo del Castillo adxudícase o II Open Nacional de Snipe

VILAGARCÍA> Vilagarcía acolleu esta fin de semana a disputa do II Open Nacional de clase Snipe. O canario Gustavo del Castillo adxudicouse o título grazas ós bos resultados que acadou fundamentalmente na segunda xornada. Bruno Gago e Esteban Gañete foron os mellores clasificados entre os regatistas locais.

Gustavo del Castillo xunto ó seu tripulante Felipe Linares resultaron vencedores do II Open Nacional de Snipe celebrado durante esta pasada fin de semana en Vilagarcía. Os canarios realizaron unha excelente competición e a súa gran xornada sabatina, na que acadaron dous primeiros postos e un segundo, foi suficiente para impoñerse ó barco de Paco Sánchez Ferrer, que acabou segundo na xeral con tres puntos máis e pese a levarse a victoria en tres mangas das oito disputadas. Terceira foi outra tripulación canaria, a patroneada por Alfredo González con Cristian Sánchez como tripulante. Estes remataron máis lonxe dos primeiros, a 14 puntos.

En canto á representación galega, Malalo Bermúdez de Castro foi o mellor despois de sumar 124 puntos que lle serviron para ser 15º, unha boa posición tendo en conta que neste Open dábanse cita máis de 80 embarcacións.

Dous equipos do Liceo Casino de Vilagarcía mantiveron unha bonita loita por ser a mellor embarcación local. Finalmente, grazas ós resultados da última manga, Bruno Gago e Esteban Gañete impuxéronse a Bernardo Paz e Eduardo Reguera. Remataron nos postos 21 e 22, respectivamente. Ademais, o Kurotan de Juan Deben foi 27º, o Plastico de Carlos Barca 35º, Alejandro Toledo rematou no posto 53, no 60 e no 61 Juan Luís Pérez Lafuente e Antonio Pillado, mentres que o Ceibe XII de Martín Bermúdez de la Puente finalizou no posto 75.

Ademais dos gañadores absolutos, tamén recibiron distinción os campións nas diferentes categorías: a estadounidense Anna Tunnicliffe gañou entre as mulleres, o italiano Enrico Michel en Master mentres que o mellor junior foi Jorge Martínez Doreste.

Redacción Salnés