Aparece morta unha muller nas inmediacións da praia de Arruda

    falecida_illa.jpg A ILLA> Unha das fillas deu a voz de alarma ó non atopala na casa onte pola mañá. De contado se organizou un operativo de busca no que colaboraron os veciños.

    Dolores Castro Santiago tiña 73 anos e vivía na zona da Franqueira. Era unha muller moi coñecida no municipio, que respondía ó alcume de ‘Lola da Abilleira’, polo que a nova da súa morte conmocionou ós habitantes da Illa, sobre todo despois do amplo dispositivo que se mobilizaba onte pola mañá para buscar á muller. Foi unha das fillas a que deu a voz da alarma. En torno ás nove da mañá de onte foi á casa da súa nai para visitala, xa que, segundo relatan os veciños, estivera enferma ata hai pouco tempo e non era moi habitual vela polas rúas do concello. Apenas saía da casa. Por iso, cando a filla non a atopou no seu cuarto, o primeiro que fixo foi poñerse en contacto cos familiares máis achegados por se alguén sabía do seu paradoiro. Non houbo sorte. Inmediatamente se puxo en marcha un operativo de busca liderado pola Garda Civil e o Seprona.

    En torno ás once e media da mañá, a campá da Igrexa comezou a soar. En pouco tempo decenas de veciños se concentraron para colaborar cos axentes desprazados ata o lugar na busca de Dolores. Dividiuse o municipio en tres zonas e comezaron as labores de rastrexo. Ós grupos que buscaban por terra sumáronse membros da OPP-20 e da confraría, que coas lanchas ampliaron a busca ó mar. Precisamente unha destas embarcacións do pósito illense foi o que atopou, cara as dúas da tarde, o corpo sen vida da muller flotando nunha zona rochosa da praia de Arruda, por detrás dunha depuradora.

    As forzas de seguridade investigan agora como se puido producir a morte. Mentres, os desfiles de Entroido programados para onte pola tarde foron suspendidos polo alcalde Manuel Vázquez en sinal de loito, e trasladados á vindeira fin de semana.

    Redacción Salnés